fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Friol, 9 de maio de 2019.- O PSOE de Friol presentou este xoves a candidatura coa que concorrerá as próximas eleccións municipais e que encabezará a actual Secretaria Local, Ángeles Martínez Martínez. No acto participaron o Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañados de veciños do Concello.

Ángeles Martínez destacou da lista que “somos todos veciños de Friol, que vivimos en Friol e que coñecemos a realidade do noso Concello e as necesidades dos nosos veciños. Queremos atender esas demandas, por iso organizaremos reunións periódicas cos veciños nas distintas parroquias para que trasladen as súas peticións. Presentamos un proxecto que protexe o estado do benestar, prioritario para o PSOE. Para iso, dotaremos dunha residencia e centro de día ao Concello, unha instalación social que levamos tempo reclamando os socialistas pola súa necesidade veciñal, pois o 37% da poboación supera os 65 anos, conseguindo que se puxesen a disposición da mesma os terreos municipais necesarios. O Alcalde do PP comprometeuse publicamente coa súa execución, pero non fixo nada. Neste eido tamén ofreceremos axudas para que os maiores poidan ir a visitas médicas ao HULA, poremos en marcha o servizo do Xantar na Casa, melloraremos o Servizo de Axuda no Fogar e ampliaremos o horario da gardería. Todas estas medidas están enmarcadas co noso compromiso con mellorar a calidade de vida dos nosos veciños do rural”.

O PSOE quere reducir o IBI, o PP non
“Levamos no noso programa a redución do tipo impositivo para o IBI de urbana do 0,6% actual ao 0,4%, o mínimo que establece a lei, así como bonificacións a explotacións agrícolas e gandeiras. E o facemos porque o Alcalde do PP negouse 3 veces durante este mandato a rebaixarlle o imposto aos veciños, despois de subirllo ao 0,6, unicamente polo seu afán recadatorio. Dende o PSOE presentamos esta medida que mellorará a economía das familias e aliviará o impacto do catastrazo. E o facemos porque Friol é un dos Concellos co IBI urbano máis alto da contorna”, destacou a candidata.

“Potenciaremos o sector primario”
Ángeles Martínez destacou que “temos que axudar ao noso sector primario, o motor económico de Friol. Para iso, dende o Concello ofreceremos un servizo gratuíto de recollida de plásticos agrícolas, axudas para mellorar accesos a fincas ou formación para os traballadores do sector primario, entre outras iniciativas”.

O Goberno da Deputación destinou 2,5 millóns
Santos Ramos e Campos Conde puxeron en valor os 2,5 millóns de euros que o Goberno da Deputación achegou aos veciños de Friol durante este mandato. “Este investimento permitiu xerar máis de 25 postos de traballo, ofrecer atención profesional a uns 30 maiores, mellorar a estrada de Friol a Parga, así como numerosos accesos, camiños e abastecementos de núcleos rurais”.

Unha candidatura representativa de todas as parroquias
Ángeles Martíenz explicou que se trata dunha lista “que combina xente nova e maior, algúns con experiencia municipal e outros que se inician neste eido, sumamente cualificada e que representa ao conxunto das parroquias de Friol”. A candidatura do PSOE paras as municipais intégrana Ángeles Martínez Martínez, Lorena Pérez Morado, Yon Penas Busto, Sandra García Fraga, COnstantino Rodríguez Arias, Noelia Seoane Barba, Pedro Antonio Martín Minguela, Amador Rodríguez Varela, María Soledad Roca Tizón, José Vidal Varela, José Antonio Barreiros Villar, Carlos Fariñas Espiño e María del Carmen Méndez Ramil.

Que che pareceu o artigo ?