Álvaro Santos: “os socialistas falamos con feitos mentres o PP ven a Lugo coas mesmas promesas de hai 10 anos”
Lugo, 24 de maio de 2019.- O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, subliñou que “hai que ter moi pouca vergonza para vir a Lugo a pedir o voto despois de non traer nada e paralizar todos os proxectos importantes para a cidade e a provincia. Hai que ter capacidade para non poñerse vermello cando non fixeron nin un só investimento claro na nosa provincia. Teñen a cara moi dura. En vez de vir a Lugo cos deberes feitos, veñen con promesas. Coas mesmas promesas que hai 10 anos”. Díxoo tras a visita de Rajoy e Feijóo á capital lucense.
“O PP dende a Xunta de Galicia e o Goberno Central bloqueou sistematicamente iniciativas fundamentais para o desenvolvemento da cidade. Teñen débedas históricas con todos os lucenses e teñen a pouca dignidade de achegarse a Lugo para tratar de enganar aos veciños coas mesmas mentiras de sempre. Porque, onde está a Rolda Leste? E o Plan Paradai? Quen anulou o proxecto da intermodal? E o Museo da Romanización? Quen puxo trabas para dotar de novos servizos ao barrio da Residencia? Quen paralizou a construción da Rolda Norte? E a chegada do AVE? Quen suprimiu as áreas sanitarias? Quen impuxo o copago farmacéutico? Sempre foron os mesmos: o PP”.
“Os lucenses xa non se creen nada do que diga o Partido Popular de Feijóo, de Rajoy e de Carballo. O seu crédito está esgotado hai moito tempo. A sociedade falou moi claro o pasado 28 de abril e o fará outra vez este domingo. Non queren máis recortes en sanidade e educación, non queren máis abandono das nosas comunicacións, non queren máis mentiras. Están fartos de que os castiguen constantemente, de que os traten como cidadáns de segunda”.
Os socialistas cumprimos cos lucenses
“Os nosos veciños ven os feitos e saben que cando hai un problema aí están os socialistas para solucionalo. No eido das infraestruturas destinamos para este ano 30 millóns para a renovación e construción de estradas como as autovías dende Lugo a Santiago, Ourense e A Mariña, aprobamos o proxecto da intermodal por valor de 31,5 millóns, e acondicionamos as N-VI, N-120, N-634, N-642 e N-540 ao seu paso pola provincia. No eido do benestar, o buque insignia dos socialistas, subimos as pensións a 117.000 lucenses, incrementamos o SMI a 37.000 lucenses, recuperamos o paro para maiores de 52 anos, ampliamos os dereitos para os autónomos, aumentamos o permiso de paternidade… Ademais, aprobamos a obriga de incluír a orixe da leite e dos produtos lácteos no etiquetado, unha medida moi importante para os nosos gandeiros”.
“Seguiremos a nosa folla de ruta dende o Goberno do Concello de Lugo, da Deputación e do Estado para seguir atendendo as necesidades dos lucenses e mellorar, deste xeito, a súa calidade de vida”, destacou Santos Ramos.