“Dende o PSOE estamos traballando para seguir sendo o referente do municipalismo na provincia”
Lugo, 6 de maio de 2019.- O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, nunha entrevista no programa Lugo en la Onda, da emisora Onda Cero, preguntado sobre se son extrapolables os resultados das eleccións xerais ás próximas municipais subliñou que “non porque son escenarios totalmente distintos e o contexto político. Non obstante, estamos traballando e preparados para obter un fantástico resultado e seguir sendo o referente do municipalismo na provincia. Porque esa é a nosa esencia e é nos Concellos onde desenvolvemos o gran abano de medidas sociais e políticas para salvagardar o benestar dos nosos veciños”.
Sobre os resultados das eleccións xerais, o Secretario Provincial subliñou que “prodúcenos unha satisfacción importante que sexan os mellores do PSOE na última década en canto ao porcentaxe de voto e os mellores en cando á distancia a número de electores para ser a forza máis votada na provincia e estamos a piques de alcanzalo. Xa gobernamos na Deputación e nos Concellos máis poboados da provincia e iso tamén se traslada nestes resultados”.
Preguntado pola Deputación, Santos Ramos apuntou que “a priori non hai nada que nos faga pensar que o PSOE non vai revalidar o Goberno Provincial. Pois o executivo demostrou unha capacidade política e de xestión moi importante, con investimentos nos 67 Concellos, mellorando infraestruturas e presentando iniciativas no eido do benestar, do emprego, do turismo, do deporte ou da cultura. E iso provoca que os veciños vexan que a única axuda que lles chega fora dos Concellos ven da Deputación que goberna o Partido Socialista. En minoría, é certo, pero con orzamentos, con investimentos, con proxectos e polo tanto con máis oportunidades para todos os lucenses. Con este panorama, sen caer no triunfalismo e coa modestia e o traballo que nos caracteriza, demostrarémoslles aos veciños que somos a mellor opción”.