fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– Así o afirmou o candidato socialista á alcaldía do municipio, Javier González González, no mitin que tivo lugar este mércores e no que tamén participou Concepción Burgo

– “Queremos facer unha Pobra produtiva, onde a xente nova teña oportunidades laborais. Para iso, deseñamos unha estratexia que nos permitirá xerar postos de traballo, ao tempo que explotaremos as diversas riquezas que temos na zona: o sector forestal, agrogandeiro ou o turismo, coa creación da Cooperativa Municipal da Pobra”, apuntou

– Durante o acto, proxectouse un vídeo no que o Secretario Xeral do PSOE de Madrid e Presidente de honra da agrupación da Pobra do Brollón, José Manuel Franco, amosaba o apoio explícito de todo o partido á candidatura do PSdG-PSOE para acadar a alcaldía

 

A Pobra do Brollón, 22 de maio de 2019.- O candidato do PSOE á alcaldía da Pobra do Brollón, Javier González González, subliñou que “somos a única alternativa para saír do estancamento que sufrimos co goberno do BNG, temos un equipo forte, cohesionado, e con gañas de loitar por unha Pobra viva”. Díxoo no mitin celebrado este mércores no municipio, no que estivo arroupado pola Deputada do PSOE no Parlamento Galego, Concepción Burgo.

 

González González subliñou que “queremos facer unha Pobra produtiva, onde a xente nova teña oportunidades laborais. Para iso, deseñamos unha estratexia que nos permitirá xerar postos de traballo, ao mesmo tempo que explotaremos as diversas riquezas que temos na zona: o sector forestal, agrogandeiro, turismo etc. coa creación da Cooperativa Municipal da Pobra (CO.MU.PO). Ademais, esta será o nexo entre as 22 Comunidades de Montes (10.000 has de madeira) para que os comuneiros/as sexan os que traballen o seu monte facilitándolles toda a información e axuda”.

 

O candidato socialista apuntou que “fronte ás políticas feitas polo actual goberno, que derivaron nunha notable perda de poboación e un intolerable endebedamento do noso concello, levándoo a ser o cuarto máis endebedado dos 67 da provincia, sen saber dar solucións reais aos problemas que asolan ao noso territorio, queremos ser o partido que lidere o cambio que demandan os veciños da Pobra do Brollón”.

 

“Presentámonos coas forzas renovadas, ilusión e cos deberes feitos nestes catro anos de oposición, nos que non deixamos de traballar pola Pobra, sempre ao lado dos veciños, intentado facerlles a vida máis fácil. Grazas ás nosas xestións e a colaboración da Deputación Provincial, contaremos cunha dotación imprescindible como é a residencia e centro de día que ofrecerá atención profesional a 30 veciños do municipio”, engadiu.

 

Os socialistas proxectaron un vídeo no que o Secretario Xeral do PSOE de Madrid e Presidente de honra da agrupación da Pobra do Brollón, José Manuel Franco Pardo, amosaba o apoio explícito de todo o partido á candidatura da Pobra do Brollón para acadar a alcaldía no Concello.

Que che pareceu o artigo ?