fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– Así o subliñou a candidata á alcaldía e actual rexedora do municipio, Mayra García, no mitin que tivo lugar este venres e no que tamén participaron Ana Prieto e Ismael Rego

– “O PSOE de Trabada representa a mellor e máis seria proposta de xestión de goberno para os próximos catro anos. Ofrecemos compromiso, traballo e dedicación para seguir mellorando as infraestruturas, os servizos públicos e, en definitiva, a calidade de vida no noso municipio. Queremos continuar a transformación iniciada en 2015” subliñou

 Trabada, 24 de maio de 2019.- A candidata do PSOE á alcaldía de Trabada e actual rexedora do municipio, Mayra García Bermúdez, subliñou que “nos últimos catro anos traballamos para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e favorecer o asentamento da poboación. Fixémolo, ademais, cunha xestión eficiente e saneando as contas municipais. Agora queremos seguir traballando por Trabada; porque temos proxectos que levar a cabo e porque temos iniciativas iniciadas que queremos rematar”. Díxoo no mitin final de campaña celebrado este venres no municipio, no que tamén participaron a Deputada do PSOE no Congreso, Ana Prieto Nieto, e o Exdeputado do PSOE no Parlamento Galego, Ismael Rego.

García Bermúdez lembrou que “neste mandato, co apoio do equipo de goberno, puxemos en marcha moitos dos servizos públicos que este Concello demandaba. Se por algo nos temos caracterizado é polo traballo a prol do benestar dos nosos maiores: puxemos en marcha a tan ansiada residencia. Neste mandato rematamos as obras, equipámola e traballamos arreo para lograr a súa apertura. Agora, está a disposición de quen ten que estar, dos maiores de Trabada. Implantamos o servicio de transporte gratuíto para os maiores, ofrecéndolles unha prestación básica para poder vivir no noso rural en igualdade de oportunidades e  desenvolvemos programas de terapia ocupacional nas parroquias”.

 

“Tamén prestamos especial atención aos máis pequenos para que teñan as mesmas oportunidades que os nenos de vilas máis grandes. Foron múltiples e moi variadas as actividades levadas a cabo. E para promover a conciliación laboral e familiar e facer máis doado o día a día das nosas familias establecemos programas durante todo o ano e realizamos as obras do punto de atención á infancia que poñeremos en marcha no vindeiro curso, para así ampliar a oferta de servicios ás familias”, engadiu.

Entre os novos proxectos que o PSOE de Trabada se compromete a levar a cabo na vindeira lexislatura destacan: o incremento dos servizos sociais a través da axuda no fogar ou o programa de terapia ocupacional; o impulso do emprego e a formación coa posta en marcha do viveiro de empresas municipal, plans de emprego xuvenil ou obradoiros; dinamización do turismo, coa recuperación da Ruta do Ferrocarril ou un novo aparcamento de autocaravanas e albergue na Ría de Abres; apoio á educación e conciliación, coa apertura do Punto de Atención á Infancia ou axudas para as familias; promoción da cultura e o deporte, coa construción de novas instalacións como o auditorio ou unha pista de pádel; o respecto ao medio ambiente, coa limpeza e acondicionamento dos ríos ou a ampliación do programa de compostaxe; e, finalmente, o desenvolvemento dun plan de renovación de infraestruturas municipais.

Candidatura para continuar co proxecto socialista

García Bermúdez apuntou que “o PSOE de Trabada representa, hoxe en día, a mellor e máis seria proposta de xestión de goberno para os próximos catro anos. Ofrecemos compromiso, traballo e dedicación para seguir mellorando as infraestruturas, os servizos públicos e, en definitiva, a calidade de vida no noso municipio. Queremos continuar esta transformación iniciada en 2015”. A candidatura socialista do municipio está composta por: Mayra García Bermúdez, Julia María Barcia Fernández, Guadalupe Rego Rodríguez, Suevia Reimonde Gasaula, Ruben García Freije, Rosa María Pérez Prieto, Pablo González Lastra, Laura Gómez Carballo, Alicia Yanes Maseda, e José María Barcia Gallo.

Que che pareceu o artigo ?