O PSOE de Antas de Ulla presenta unha candidatura “transparente e preparada para poñer fin a unha etapa de desgoberno”
Antas de Ulla, 29 de abril de 2019.- A candidata do PSOE en Antas de Ulla e voceira municipal, Pilar García Porto, avanzou este sábado as persoas que integran a lista dos socialistas para as vindeiras Eleccións Municipais. García Porto destacou que “presentamos á veciñanza o mellor goberno posible, unha candidatura que suma e que non resta, coa que axuntaremos todos os nosos esforzos para atender as demandas da sociedade de Antas de Ulla. E o faremos dende unha alcaldía que traballe priorizando o control do gasto, o rigor nas inversións, a igualdade nas oportunidades de traballo, a transparencia e a participación veciñal”.
Os socialistas subliñaron que a candidatura pon á disposición dos veciños a experiencia de Pilar García Porto, primeiro ao fronte da área económica e despois da área de cultura da Deputación de Lugo. Acompañada das mellores persoas porque son transparentes, sen intereses persoais e que contan cunha boa formación persoal e profesional.
“Somos mulleres e homes de diferentes parroquias, de diferentes idades, profesións e puntos de vista, pero cun vínculo común, que nacemos e vivimos en Antas. Somos persoas que escollemos quedar no noso Concello porque creemos de verdade nas súas posibilidades e insistiremos na necesidade de amosar que se pode facer política doutro xeito, traballando por e para mellorar a vida dos veciños, con ilusión e formalidade”, apuntou García Porto.
A candidata do PSOE explicou que “a nosa ambición é poñer fin a unha etapa de escuridade e desgoberno no noso Concello. Queremos que Antas de Ulla mellore e teña futuro, isto será máis doado contando cun goberno amigo na Deputación de Lugo e no Estado. Porque Antas non pode perder nin un só día de traballo e nin un só apoio para que o Concello camiñe cara adiante”.
Unha lista para gañar as eleccións
O PSOE presenta en Antas de Ulla unha lista “que representa ao conxunto da sociedade do Concello e as diferentes sensibilidades del, para gañar as Eleccións Municipais”, destacou Porto. A candidatura está formada por 16 persoas entre candidatos e suplentes: Pilar García Porto, José Manuel Quinta Rojo, Ana María Guerreiro Gómez, Alexis Ouro Coto, Francisco Sampayo Carrera, Carlos García Varela, Victoria García Soengas, Fernando Mosteiro Iglesias, José Manuel Almuiña Guerreiro, Ángeles García Pereiro, José Antonio Rubín Pereiro. Santiago Mourelle Fernández, Luis Fente Novoa, Félix Manuel Miguelez Vázquez, José Manuel Vázquez Varela e Luis Coucheiro Sánchez.
O venres, 10 de maio: presentación da candidatura e do programa de traballo
Para compartir cos veciños a súa aposta política para gobernar Antas de Ulla, o PSOE organiza un acto de presentación da candidatura e programa de traballo para a alcaldía de Antas nos próximos 4 anos. Durante o encontro aproveitaran para intercambiar opinións cos veciños e as persoas que intervirán que serán o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Senador electo do PSOE pola provincia de Lugo, César Mogo, e a candidata socialista á alcaldía, Pilar García Porto. O acto terá lugar o próximo venres, 10 de maio no Hotel Restaurante Val ás 21:30h horas.