fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Antas de Ulla, 10 de maio de 2019.- O PSOE de Antas de Ulla presentou este venres aos veciños a candidatura coa que concorrerá as próximas eleccións municipais e que encabezará a actual Voceira Local e Deputada Provincial, Pilar García Porto. No acto tamén participaron o o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Senador do PSOE, César Mogo.

García Porto subliñou que “o Concello de Antas de Ulla está totalmente paralizado. É unha realidade que os veciños que vivimos aquí vemos no noso día a día e dende hai anos. As políticas do actual Alcalde aplicadas durante todos estes anos só serviron para que cada vez teñamos menos servizos e peor prestación dos mesmos. Queremos construír un Concello para vivir, no que traballar, con servizos e no que poidas traballar. Ese é o noso proxecto para o despertar de Antas de Ulla, con oportunidades de vida para todos, co firme compromiso de impulsar políticas que non obriguen á xente a marchar e que aqueles que desexen vir ou quedar podan facelo”.

“Reduciremos os impostos como o IBI ata igualalos cos concellos veciños e aplicaremos bonificacións para as familias con poucos ingresos, pensionistas e explotacións gandeiras. Aforraremos 80.000 euros do gasto en salarios do Alcalde e concelleiros do PP e controlaremos o gasto de persoal e materiais de obras axustándose as necesidades e aproveitando os materiais sobrantes. Ademais, poremos en marcha un polígono industrial diferenciador que aposte polo emprendemento e o medio ambiente. En materia laboral, crearemos unha bolsa de emprego que garanta a participación de todos os demandantes, así como un servizo municipal gratuíto de asesoramento e apoio a empresas, autónomos e emprendedores. Un dos compromisos do PSOE é salvagardar o estado de benestar. Para iso ampliaremos a residencia de maiores co remate da segunda planta, construiremos un centro de día e melloraremos o Servizo de Atención no Fogar”.

Actuacións nas parroquias e no núcleo de Antas
A candidata do PSOE subliñou que “faremos un traballo continuo nas parroquias fóra de períodos electorais para mellorar a vida nas aldeas. Elaboraremos un programa de conservación e limpeza das estradas e pistas municipais garantindo accesos dignos ás aldeas e ás explotacións, acondicionaremos traídas e alcantarillados, ademais de e recuperar espazos públicos e locais sociais para os veciños. Nó núcleo de Antas repararemos e dotaremos de beirarrúas ás vivendas, substituiremos progresivamente a rede de abastecemento de auga, que na actualidade é de uralita, crearemos un parque infantil no entorno da Casa da Cultura e unha parada de autobús con marquesiña no casco urbano e dotaremos de bancos para os nosos maiores, entre outras actuacións. Tamén queremos mellorar a recollida de lixo, coa compra dun novo camión e o incremento de contedores e frecuencia das rutas, limparemos as depuradoras e estableceremos zonas de almacenamento de plástico dos silos, un punto limpo e unha rede de depósitos para incendios e explotacións gandeiras”.

Promoción cultural e deportiva
“Impulsaremos a cultura e o deporte na vila, dous dos nosos piares en Antas de Ulla. Melloraremos as instalacións deportivas e culturais, adaptaremos os usos das piscinas como espazo de ocio diferenciado da zona deportiva, sendo gratuítas para os veciños do Concello. Potenciaremos Antas a través do posicionamento como Centro Xeográfico de Galicia e dos lugares e bens singulares do noso patrimonio e desenvolvendo roteiros”.

1,4 millóns do Goberno da Deputación
Campos Conde puxeron en valor os investimentos achegados polo PSOE dende o Goberno da Deputación para mellorar as prestacións públicas municipais de Antas de Ulla. Neste eido, García Porto apuntou que “será máis doado que o Concello teña futuro contando cun goberno amigo na Deputación e no Estado”.

Avalados pola experiencia
Os socialistas subliñaron que a candidatura pon á disposición dos veciños a experiencia de Pilar García Porto, primeiro ao fronte da área económica e despois da área de cultura da Deputación de Lugo. Por exemplo, deixar a 0 a débeda na Deputación, realizar os primeiros orzamentos participativos na provincia ou poñer en valor as correntes culturais de Antas e da comarca da Ulloa.

Unha lista formada por 16 veciños
“A candidatura está formada por 16 veciños que nacemos e vivimos en Antas. Persoas que escolleron quedar no Concello porque creen nas súas posibilidades”. A lista intégrana Pilar García Porto, José Manuel Quinta Rojo, Ana María Guerreiro Gómez, Alexis Ouro Coto, Francisco Sampayo Carrera, Carlos García Varela, Victoria García Soengas, Fernando Mosteiro Iglesias, José Manuel Almuiña Guerreiro, Ángeles García Pereiro, José Antonio Rubín Pereiro. Santiago Mourelle Fernández, Luis Fente Novoa, Félix Manuel Miguelez Vázquez, José Manuel Vázquez Varela e Luis Coucheiro Sánchez.

Que che pareceu o artigo ?