fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Bóveda, 12 de maio de 2019.- O PSOE de Bóveda construirá un centro de día público para que os veciños non se teñan que marchar do Concello. Así o anuncio este domingo a candidata do Partido Socialista á alcaldía de Bóveda, Carmen Macía, na presentación da lista dos socialistas para as próximas eleccións municipais. No acto, tamén participaron o Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e a Deputada do PSOE por Lugo no Congreso, Sonsoles López Izquierdo, acompañados de veciños do municipio.

Carmen Macía subliñou que “presentamos un equipo moi ilusionado que traballará para facer fronte ao desgoberno do Alcalde do PP que durante máis de 10 anos non fixo nada porque Bóveda teña un centro de día público. Actualmente os veciños téñense que trasladar a Concellos limítrofes porque o municipio non conta con dito servizo. Dende o PSOE cremos no estado do benestar e consideramos prioritario que Bóveda conte cunha dotación que resulta fundamental para os nosos maiores. Debe ser pública e de calidade, como sempre defendemos os socialistas e como o estamos facendo dende o Goberno da Deputación. Por iso, poremos en marcha o proxecto para construír o centro de día tan demandado polos nosos veciños”.

Melloras nos servizos do rural
A candidata do PSOE denunciou o total abandono do rural por parte do Alcalde e dos Concelleiros do PP. “Os veciños das parroquias de Bóveda contan cunhas prestacións moi precarias e temos que solucionalo. Para iso desenvolveremos un plan integral para mellorar os accesos, co fin de facilitar a actividade agrícola e gandeira, construiremos novos saneamentos públicos de xeito gradual, rehabilitaremos as vías e as beirarrúas do Concello, para ofrecer infraestruturas de calidade aos veciños, e ampliaremos a limpeza en todas as parroquias. E faremos isto porque a Xunta de Galicia do PP nos ten abandonados aos veciños que vivimos no rural. Dixeron que esta sería a lexislatura do rural pero o único interese que vemos por parte dos representantes do goberno galego é saír ben nas fotos, os cidadáns dámoslles igual”.

Menos impostos, beneficios para gandeiros e máis emprego
“Reduciremos o Imposto de Bens Inmobles (IBI) para aforrar custos aos veciños e poremos en marcha un paquete de medidas para abaratar os custos de produción das explotacións do Concello, e deste xeito, conseguir que as empresas da zona sexan máis competitivas. Tamén crearemos unha bolsa de emprego municipal, onde as persoas desempregadas poidan apuntarse tendo as mesmas posibilidades que calquera de acceder a un posto de traballo, co obxectivo de fixar poboación e parar a sangría demográfica”.

Máis de 1 millón da Deputación para melloras de infraestruturas
Santos Ramos e López Izquierdo puxeron en valor os investimentos achegados neste mandato pola Deputación, gobernada polo PSOE, para mellorar os servizos públicos de Bóveda. Os socialistas detallaron as actuacións financiadas polo Executivo Provincial con máis de 1 millón de euros, como o tanque de auga de Martín, o Muro na igrexa de Ver, a rehabilitación do campo de fútbol, a dotación de fontes en Ribas ou a celebración da Feira Tradicional Outrora, entre outras.¬¬

11 veciños comprometidos con Bóveda
A candidata socialista destacou que “somos un equipo forte e sólido, que combina experiencia e xuventude, comprometido con Bóveda. Somos 11 veciños que nacemos e vivimos en Bóveda e que cremos nas oportunidades do municipio. Queremos ser a alternativa as políticas retrógradas do PP”. As persoas que integran a lista son María del Carmen Macía Rodríguez, Roberto Carlos Piñeiro Pacio, Gonzalo Fernández Carreira, María Carmen Carballada Rodríguez, Jesús González Carballada, José Manuel González Losada, María del Carmen González García, Manuel Fernández López, José López Castro, Cristina Pereiro Rodríguez e José Casas Franco.

Que che pareceu o artigo ?