fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Láncara, 7 de maio de 2019.- O PSOE de Láncara presentou este martes aos veciños a candidatura coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais, encabezada polo actual Alcalde, Darío Piñeiro García. Fíxoo xunto ao Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, ao Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, ao Senador electo do PSOE, César Mogo, ao Deputado Provincial pola Comarca de Sarria, Pablo Rivera, e á Secretaria Local, Begoña López.

Darío Piñeiro destacou que “cando chegamos ao Goberno atopámonos un Concello co rural abandonado, onde os maiores non era unha prioridade, os servizos públicos eran deficientes e precarios, os parques e espazos verdes estaban descoidados e cunha débeda municipal grande. Nestes 4 anos, dende o PSOE conseguimos reducir a débeda do Concello máis dun 70%, pasando dos 214.000 euros aos 58.000 euros. Duplicamos o número de horas do Servizo de Axuda no Fogar e incrementamos un 10% os usuarios, ademais de facer totalmente gratuíta a Festa dos Maiores. E o fixemos porque para o Goberno Municipal é un eixe fundamental das nosas políticas o benestar social. Co PP na Alcaldía, case a totalidade da rede de estradas e camiños municipais estaban nun estado de semiabandono, máis de 20 anos de fochancas e perigos. Ante a gravidade do problema tivemos que priorizar, primeiro rexeneramos os máis deteriorados e logo bacheamos as vías onde era máis necesario actuar. Ademais, atendemos unha demanda veciñal histórica arranxando as estradas que unen a Pobra de San Xiao con Láncara e Carracedo”.

Un novo parque móbil
O Alcalde de Láncara destacou que “grazas aos socialistas o Concello de Láncara conta cun completo parque móbil. Cando chegamos ao goberno nos atopamos con que o Concello non tiña nada, nin unha máquina para poder facer reparacións ou melloras no municipio. En só 4 anos dotamos ao Concello de 2 tractores, 2 desbrozadoras, 1 camión, 1 pala mixta,1 pisón, 1 camión de rego asfáltico e 1 remolque. camión de rego, un pisón, un tractor, un remolque, 2 desbrozadoras e unha pala mixta. E o fixemos porque somos conscientes da importancia de manter en boas condicións as infraestruturas para aforrar custes económicos aos veciños”.

Máis melloras e dotacións públicas
“Tiñamos un pavillón deportivo en mal estado que non atendía as necesidades dos lancareses, por iso, construímos unha pista multideporte e conseguimos 80.000 euros para mellorar as instalacións do pavillón. Os poucos espazos verdes e de lecer que tiñamos estaban moi descoidados polo Partido Popular. Dende o PSOE fixemos un parque novo en Edilzo, iluminamos o Club Fluvial da Pobra e de Láncara, dotamos de mobiliario urbano ao Concello, con marquesiñas e papeleiras…todo isto para renovar a cara de Láncara e facela máis atractiva para os nosos veciños e para os visitantes. Unha das reclamacións que tiñan os lancareses era mellorar o servizo de recollida de lixo posto que era moi deficiente e de mala calidade. Para iso decidimos dende o Goberno municipal ofrecer un servizo máis completo que inclúe a retirada de residuos, a limpeza das rúas e o mantemento dos colectores”.

“Co PP a oferta cultural e turística non existía”
O rexedor socialista subliñou que a oferta cultural e turística “practicamente non existía. Dende o PSOE de Láncara consideramos o turismo un valor fundamental para potenciar a economía e a vida na vila. Por este motivo, impulsamos a Festa da Troita, a Festa do Mexillón, a Festa da Tenreira Galega, e fixemos a sinalización do Camiño Real e a senda perimetral dos colexios, entre outras actuacións”.

Proxecto estrela: humanizar a antiga vía do tren
Darío Piñeiro avanzou que o gran proxecto para o próximo mandato será a urbanización e humanización da antiga vía do tren da Pobra de San Xiao “que cambiará a imaxe do noso Concello para sempre. E o faremos poñendo en marcha o Plan Especial para desenvolver os antigos terreos da estación do tren, despois de acadar o compromiso de Adif para recuperar este espazo de máis de 1 quilómetro, mantendo a propiedade pública e dándolle un uso público en beneficio de todos os veciños de Láncara”.

1 millón de euros da Deputación
Santos Ramos, Campos Conde e Rivera Capón puxeron en valor o millón de euros destinado polo PSOE no Goberno da Deputación para acondicionar infraestruturas, dotacións públicas, ofrecer atención profesional aos maiores, xerar novos postos de traballo e colaborar co tecido asociativo de Láncara. Os socialistas destacaron compromiso real do Goberno Provincial con Láncara, “mentres a Xunta de Galicia non achega novos investimentos”. Denunciaron as débedas históricas do goberno galego cos veciños de Láncara como o desdobramento do corredor dende a Pobra de San Xiao a Sarria, a rehabilitación da LU-622, os accesos á Pobra dende a LU-546, a senda peonil e rotonda da LU-621ou a rehabilitación e equipamento do colexio Ramón Piñeiro.

Candidatura do PSOE en Láncara
O PSOE de Láncara presenta unha candidatura “sólida e cualificada” para ampliar a maioría e seguir desenvolvendo “un proxecto social e de progreso”, destacou Begoña López. As persoas que integran a lista dos socialistas son Darío Piñeiro López, Pablo Rivera Capón, José Manuel García Aldegunde, Begoña López Magdalena, Emilia Fernández Seijo, Miguel Rodríguez Abad, Diego Balboa Amado, Juan José Díaz Gómez, Alba Roda Sangil, Jesús Pardo Somoza, Luis Bande Fernández. Suplentes: José Luis López González, María Rosario León Sánchez, Enma Díaz Marón, Diego Bande López, Celestino Rodríguez González, Manuel Antonio Otero Moreira, Miguel Palacios de la Iglesia, Clara Marón López, José López Iglesias e Julio Sobrado Carreiras.

Que che pareceu o artigo ?