O PSOE de Monterroso potenciará os servizos sociais, convertendo as vivendas comunitarias en Fogar Residencial e ampliando o Servizo de comida a domicilio
Monterroso, 3 de maio de 2019.- O PSOE de Monterroso presentou aos seus veciños a candidatura para as vindeiras Eleccións Municipais, que encabezará o actual Secretario Local dos socialistas, Rafael García. Na presentación tamén participaron o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Deputada electa do PSOE para o Congreso, Sonsoles López Izquierdo, e o Deputado do PSOE no Parlamento Galego, Luis Álvarez, xunto a compañeiros de partido na Comarca da Ulloa.
Rafael García destacou que “para os socialistas de Monterroso que os nosos veciños teñan uns servizos sociais de calidade é unha prioridade. Por iso, comprometémonos a converter as actuais vivendas comunitarias en Fogar Residencial, abrindo a segunda planta do edifico, co que pasaremos de 12 a 24 prazas, das cales 6 serán para dependentes, garantindo aos usuarios a continuidade do centro, ampliando a cobertura de servizos. Tamén, imos aumentar o servizo de comida a domicilio ás fines de semana posto que é unha demanda moi solicitada polos monterrosinos. Ademais, realizaremos revisións e controles periódicos para así obter unha maior eficiencia dos recursos. É fundamental que os nosos maiores conten cunhas prestacións básicas e dignas para seguir vivindo no rural porque nós, os socialistas, si cremos no rural e o demostramos con proxectos e iniciativas, non a través de eslóganes baleiros de contido”.
Mellores infraestruturas e dotacións públicas
“Son necesarios o arranxo e mantemento das pistas e accesos municipais para mellorar a seguridade vial e a mobilidade dos veciños, pois na actualidade atópanse en mal estado. Supervisaremos o cumprimento da ordenanza municipal reguladora dos camiños en relación coas operacións forestais e instaremos á Xunta de Galicia a que implante o servizo de recollida de augas residuais nas parroquias de Monterroso que carecen del. Outro tema importante para o rural é o alumeado, por iso destinaremos investimentos á renovación e instalación de alumeado, para que todas as rúas estean ben iluminadas. Os socialistas tamén ampliaremos a frecuencia de recollida de plásticos de silo nos núcleos rurais. En canto as dotacións públicas, imos acondicionar o parque infantil da praza Alcalde Rojo Losada, abriremos o novo complexo deportivo e a piscina municipal, e construiremos unha nova pista de padel para a celebración de torneos federados. Dende o PSOE, con todas estas actuacións dinamizaremos a economía e a vida na vila, un eixe que vertebra todas as nosas políticas”.
O PSOE no Goberno Central e Provincial impulsou Monterroso
Campos Conde detallou os máis de 1,7 millóns de euros de investimentos que achegou o PSOE ao Concello dende o Goberno da Deputación para servizos públicos. “Financiamos a rehabilitación do inmoble anexo ás vivendas comunitarias, melloramos estradas, camiños e accesos municipais, dotamos de novo alumeado a parroquias de Monterroso ou acondicionamos a área recreativa A Peneda ou a travesía do Castro, entre outras moitas actuacións. E o fixemos porque a Xunta de Galicia nin está nin se lle espera. Este é o exemplo de que as Deputacións son moi importantes para os Concellos pois se non existiran Monterroso, a día de hoxe, contaría con menos recursos e prestacións públicas”.
López Izquierdo puxo en valor os 180.000 euros máis ao ano que recibe Monterroso tras o incremento das pensións que levou a cabo o PSOE dende o Executivo do Estado, beneficiando directamente aos 1.300 pensionista do Concello, ademais do aumento do Salario Mínimo Interprofesional, o dereito a paro para maiores de 52 anos ou a baixada do paro, con máis persoas afiliadas á Seguridade Social e máis contratos indefinidos, entre outras medidas.
Lista do PSOE en Monterroso
As persoas que integran a candidatura do PSOE de Monterroso son Rafael García Figueras, Esther Rodríguez García, David Rodríguez Novo, Fernando Otero Gómez, María Isabel Vila Vázquez, Juan Vázquez Varela, Noelia López Pires, María Peña Viñas, Rodrigo Vázquez Rodríguez, María Luisa García Sánchez, Oscar Novo Rodríguez, Victor Castiñeira López, Magali de Pinho Martínez, José Luís Vázquez García, Luis Rodríguez Ferreiro, Begoña Gómez Cabana, Tania Rodríguez Carballo e José Viñas Villar.