O PSOE de Portomarín presenta unha candidatura seria e responsable “para dar resposta ás demandas dos veciños”
Portomarín, 4 de maio de 2019.- A candidata do PSOE á alcaldía de Portomarín, Silvia Rodríguez, avanzou este sábado a lista coa que os socialistas concorrerán as próximas Eleccións Municipais. A actual voceira municipal destacou que a candidatura “aínda que engadimos dúas caras novas, é continuista e experimentada. Somos un grupo de persoas que vivimos en Portomarín e que representamos ao conxunto da sociedade do Concello, que temos moita ilusión e forza para afrontar este desafío”.
Silvia Rodríguez subliñou que “o PSOE queremos ser unha alternativa sólida, conciliadora, aberta e responsable, que escoite as demandas dos veciños e as atenda, estando ao carón deles. Ante as actitudes autoritarias e escuras do Alcalde do PP os socialistas presentaremos un proxecto transparente e de progreso, lonxe dos intereses persoais e centrado no ben común: os nosos veciños”.
“Un dos nosos compromisos será ofrecer facilidades para que todos poidan desenvolver o seu proxecto de vida en Portomarín e non teñan que marcharse fora pola carencia de servizos públicos, pola falta de traballo, de vivenda ou de actividades. Un Concello onde os nosos maiores e os nosos pequenos teñan as mesmas oportunidades e os mesmos dereitos que calquera veciño doutro municipio. Non queremos máis, pero tampouco menos. Queremos que todos os portomarinenses teñan acceso digno á educación e non como ven acontecendo no último ano. En definitiva, impulsaremos diferentes medidas para poder vivir no rural con dignidade”.
Candidatura dos socialistas de Portomarín
Trátase dunha lista plural, que representa aos diferentes sectores do conxunto da sociedade de Portomarín. A lista das municipais do PSOE de Portomarín está formada por Silvia Rodríguez Díaz, Enrique Vázquez Gómez, Tania Rodríguez Rodríguez, Gerardo Salvador Pardo, Marcos Arias Rodríguez, Andrea Pol Fernández, Antonio Luaces Quiroga, Lidia Fernández Mosqueira e María Ascensión Fernández Fernández. Suplentes: Montserrat Díaz Rodríguez, Manuel López Rodríguez e José Manuel Rodríguez Pol.