fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Triacastela, 4 de maio de 2019.- O PSOE de Triacastela presentou este sábado a candidatura coa que concorrerá as vindeiras Eleccións Municipais e que liderará o actual Concelleiro Municipal, Carlos Gayo Tourón. Fíxoo xunto ao Secretario Provincial do PSOE, Álvaro Santos Ramos, e ao Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, acompañados de veciños do municipio.

Carlos Gayo destacou que “dou este paso adiante porque creo no rural, creo nas oportunidades do noso territorio e creo no futuro de Triacastela. Eu deixei todo para ser gandeiro, apostei polo rural e desenvolvín o meu proxecto de vida na vila. E creo que podo aportar toda esta experiencia á nosa vila para que teñamos os mellores servizos e as infraestruturas necesarias para poder vivir con dignidade porque agora mesmo non temos nada. E non temos nada pola desidia e o abandono do PP e da súa alcaldesa. Os camiños están desfeitos, temos problemas de saneamento, non hai concentracións parcelarias e cada vez márchanse máis veciños pola falta de dotacións”.

“A Alcaldesa nin aparece por Triacastela”
“Non podemos ter unha Alcaldesa que non vive en Triacastela e que nin pasa polo municipio. Non está no día a día e polo tanto non coñece as demandas dos veciños. Neste mandato o PP non executou nada, non ofreceu nada e agora nos últimos días, antes dunhas eleccións, parece que queren facer todo. Isto ven provocado por unha falta de previsión e o nulo interese de mellorar o noso Concello. En cambio, dende o PSOE imos dedicarlle todo o tempo necesario porque somos conscientes de que hai moitas cousas por facer para reverter a situación actual”.

3 eixes de acción: rural, turismo e emprendemento
O candidato do PSOE subliñou que “as nosas políticas van a xirar sempre en torno a 3 piares: o rural, o turismo e o emprendemento. Para iso, deseñaremos políticas que dinamicen as parroquias, como as concentracións parcelarias; destinaremos axudas ás explotacións gandeiras e acondicionaremos as estradas e os camiños municipais. É fundamental para a economía de Triacastela que sexamos capaces de ofrecerlles aos peregrinos que terminan a etapa no noso Concello servizos e actividades para dinamizar o turismo. Por exemplo, ligar a Cova de Eirós ao Camiño de Santiago, a través dun museo ou levar a cabo actividades das que se beneficien os hostaleiros. Tamén é unha demanda dos empresarios e a xente nova que Triacastela conte cunha zona industrial para que as empresas instaladas e os emprendedores poidan desenvolver os seus proxectos, xerando emprego e fixando poboación”.

A Deputación colabora, a Xunta non
O Secretario Provincial lamentou que o goberno galego “non teña a mesma sensibilidade cos veciños de Triacastela como o PSOE no Goberno da Deputación. A Xunta non achegou nin un só investimento ao Concello mentres que dende o organismo provincial destinamos 1 millón de euros. E o fixemos para mellorar accesos, como os de Queixadoiro, Santa María do Monte, Villarce, Arxileiro, Eiracova, camiño de Lama do Cabaleiro, Santalla, Serra en Cancelo e o camiño de Pedrón, así como estradas municipais. E seguirémolo facendo para que os veciños de Triacastela conten coas prestacións públicas que merecen e que o PP négalle”.

Candidatura para gañar á alcaldía
O PSOE presenta unha candidatura formada por Carlos Gayo Tourón, Miguel Ángel Fernández López, Victor Cela Vázquez, Isabel Gayo Fernández, Saray Vilarín López, José Luis Fontal Carballo, Mónica Fernández Díaz. Suplentes: Oscar Lago Gancedo, José Manuel Celeiro Rodríguez, Julio López Argiz e José Manuel Lago Doval.

Que che pareceu o artigo ?