O PSOE do Saviñao asinará nos primeiros 100 días o convenio para construír unha residencia e centro de día
O Saviñao, 12 de maio de 2019.- O PSOE do Saviñao avanzou as actuacións que realizará nos primeiros 100 días de goberno se gaña a alcaldía. Así o informou este domingo o candidato do Partido Socialista, Celestino Rodríguez, na presentación da lista coa que os socialistas concorren ás eleccións municipais. No acto, tamén participaron o Secretario Provincial do PSOE, Álvaro Santos Ramos, e o Secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.
Celestino Rodríguez comprometeuse a que asinarán un novo convenio cos compañeiros da Deputación para construír unha residencia e centro de día para a terceira idade. “Trátase dunha dotación imprescindible e moi demandada polos veciños que durante máis dunha década non foi atendida polo PP. No 2011 o Concello e o organismo provincial acordaron levar a cabo dita infraestrutura, para a cal a Deputación achegou o orzamento para a adquisición do prado do Larsa, o solar onde se ía edificar. O PP non cumpriu o contrato e tampouco devolveu o diñeiro. Para nós, en cambio, será unha prioridade que os maiores do Saviñao conten cun servizo básico, público e de calidade no seu Concello e non teñan que marcharse a municipios limítrofes pola carencia del. É de xustiza que estean preto das súas familias, das súas casas e do súa contorna. Ademais, esixiremos á Xunta de Galicia que cambie de localización o novo centro de saúde e escoite as reclamacións da cidadanía, posto que o campo da Lama é unha zona con constantes encharcamentos de auga, coa que se romperá o urbanismo de Escairón e que ocasionará problemas de aparcamento”.
Auditoría, melloras no rural e un novo plan urbanístico
“Realizaremos unha auditoría externa para coñecer o estado real das contas e a situación económica do Concello, logo do gasto desorbitado nestes 6 últimos meses nos que o PP quixo facer todo o que non fixo en 4 anos. É a nosa responsabilidade que os veciños saiban o que se fixo cos seus cartos. E o faremos porque dende o PSOE cremos nunha xestión transparente, seria, participativa e escrupulosa co gasto. Isto non impedirá que invistamos en mellorar as prestacións públicas municipais, sobre todo no rural, que foi o gran discriminado e prexudicado das políticas do Partido Popular. Nos 100 primeiros días reunirémonos con todas as administracións para acadar orzamento para executar un plan integral de traídas de auga e saneamentos nas parroquias e, deste xeito, solucionar un problema moi grave que vimos arrastrando moito tempo. Tamén elaboraremos e aprobaremos un novo plan urbanístico para adaptarnos a realidade do noso Concello pois levamos máis de 30 anos coa mesma regulación”.
O Saviñao: Concello de Especial Interese Turístico
O candidato socialista destacou que presentarán ao goberno galego toda a documentación necesaria para que o Saviñao sexa declarado Concello de Especial Interese Turístico. “O noso municipio non o foi polo desinterese do actual equipo de goberno. Dende o PSOE daremos un paso adiante neste eido porque sabemos da importancia do sector turístico para dinamizar a economía e o emprego do Saviñao e do potencial co que contamos grazas aos nosos recursos naturais e patrimoniais. Queremos dar a coñecer e poñer en valor o que temos no Saviñao e ser un dos referentes na Ribeira Sacra”.
A Deputación destinou 2 millóns
Santos Ramos e Campos Conde puxeron en valor os 2 millóns de euros destinados polo PSOE dende o Goberno da Deputación durante este mandato. Os socialistas detallaron varias actuacións financiadas polo Executivo Provincial con dito orzamento como as melloras nas estradas de Rebondiego a Morgade por Aiaz, a de Fión coa Igrexa da Cova e a de Ferreira a Currelos, en accesos a numerosas parroquias, alumeados públicos e na Casa do Concello, entre outras.
Candidatura renovada
O PSOE do Saviñao presenta unha candidatura renovada que representa a practica totalidade das parroquias do Concello. As persoas que integran a lista son Celestino Rodríguez Pombo, Judit López Douton, Javier Gallardo Fernández, Begoña Vázquez Sánchez, Santiago Gomez Rodríguez, Jenifer Sánchez Gallardo, Eduardo López Pérez, Patricia Rodríguez Alonso, Santiago Martinez Villalda, Mónica Domínguez Sánchez, José Jaime Díaz Novelle, Jose Manuel López Rodriguez, Luisa Méndez Rodríguez, Simón Cancelas Fernández, María Begoña García Gomez, Iván Rodríguez López.