O PSOE presenta unha candidatura con xente nova “porque correspóndenos a nós construír o futuro de Ribadeo”
– Marta Rey destacou que “temos unha mochila valeira de cargas, de resentimento, de envexas, de corrupción, de débedas, de favores prestados a cambio de prebendas. Pero si vai cargada de ilusión, de proxectos e de vontade para construír un Concello mellor”
– Os socialistas subliñaron “o compromiso do PSOE cos ribadenses”. Puxeron en valor os 2,1 millóns achegados polo Goberno da Deputación para construír a residencia de maiores, “pois o PP na Xunta non colaborou e só puxo trabas para que non abrira”; e os outros 3 millóns para alumeados, accesos, saneamentos ou o campo de fútbol
Ribadeo, 19 de maio de 2019.- O PSOE de Ribadeo presentou este domingo a candidatura coa que concorre ás Eleccións Municipais e que encabeza a socialista, Marta Rey. Fíxoo nun acto arroupada polo Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Deputada do PSOE pola Provincia de Lugo no Congreso, Sonsoles López Izquierdo, e o Deputado socialista no Parlamento Galego, Luis Álvarez.
Marta Rey destacou que “chegamos a estas eleccións cunha mochila valeira, valeira de cargas, de resentimento, de envexas, de corrupción, de débedas, de favores prestados a cambio de prebendas. Pero si vai cargada de ilusión, de proxectos, de imaxinación e sobre todo de vontade para construír un Concello que sexa dinámico, moderno, con servizos de calidade tanto para a xente nova coma para os nosos maiores, para as mulleres, para as pequenas e medianas empresas e para as persoas que viven no rural. Esta é a nosa carta de presentación: xuventude, ilusión, iniciativa, coñecementos, capacidade e sobre todo moito traballo. Porque correspóndenos a nós, á xente nova, construír un futuro mellor para Ribadeo”.
O PSOE comprometido coa residencia de Ribadeo
Os socialistas puxeron en valor os 2,1 millóns de euros que o Executivo Provincial levou a Ribadeo para a construción da residencia e centro de día do Concello. Campos Conde subliñou que “foi o PSOE o que unha vez máis amosou o seu compromiso cos veciños de Ribadeo. E os feitos o demostran. Achegamos dito investimento para a residencia da terceira idade porque a Xunta de Galicia non achegou nin un só euro. E o fixemos, sufrindo as constantes trabas do PP, porque defendemos o estado de benestar. Agora, agardamos que nos vindeiros días Ribadeo abra a súa residencia e conte, grazas aos socialistas, cunha dotación fundamental”.
O Goberno da Deputación achegou 3 millóns máis
Marta Rey salientou que “sen a axuda dos nosos compañeiros no Goberno Provincial Ribadeo estaría totalmente abandonada, pois a Xunta de Galicia do PP non trouxo ningún investimento novo durante 4 anos. E temos que dicilo, os veciños de Ribadeo fomos discriminados polo goberno galego. Ante esta situación, o PSOE amosou a súa sensibilidade e destinou 3 millóns de euros para mellorar as prestacións públicas municipais. Con dito orzamento acondicionáronse accesos en 5 parroquias, beneficiando a 1.000 veciños; renováronse alumeados, rehabilitouse a Avenida Ribadeo e as rúas Paco Lanza e Alfreso Deaño, melloráronse saneamentos…Tamén se arranxará o campo de fútbol Pepe Barrera, con 140.000 euros da Deputación, pois unha vez máis o goberno galego nin está nin se lle espera”.
Propostas realistas
“Dende o PSOE levamos un programa cheo de propostas realistas, sen grandes obras faraónicas que outros partidos prometen e que son inviables. Unha desas iniciativas é a construción dun aparcadoiro soterrado e outro en superficie en Rinlo, ambas inversións levarémolas a cabo con financión público-privada. Por outra banda, parécenos importante a instalación de pantaláns flotantes na Praia dos Bloques para facilitar o acceso á ría tanto aos bañistas como aos deportistas dos clubs de Ribadeo”, destacou a candidata socialista.
Atención especial ao alumeados, saneamentos e reciclaxe
“Dotaremos de alumeados públicos porque non podemos delegar nos comerciantes da vila a iluminación das principais rúas. Desenvolveremos un Plan integral para que todas as parroquias dispoñan de saneamento en condicións. Promoveremos unha campaña eficaz e firme de limpeza na vila e concienciación da reciclaxe, cunha limpeza selectiva para a hostalería e o comercio, a instalación progresiva de contedores soterrados e bocas de rego para incendios e limpeza das rúas”.