fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– Así o afirmou o candidato socialista á alcaldía do municipio, Eladio Fernández, no mitin deste venres, no que tamén participaron Santiago Pérez e Sonsoles López

– “Somos un grupo de homes e mulleres que combina mocidade, veteranía, experiencia e, sobre todo, unhas ganas inmensas de traballar polo crecemento e o desenvolvemento de Sober e, conxuntamente, polo benestar dos veciños e veciñas dos diferentes lugares e das parroquias do noso Concello”, apuntou

 Sober, 24 de maio de 2019.- O candidato do PSOE á alcaldía de Sober, Eladio Fernández Pérez, subliñou que “a nosa maior preocupación é o abandono que sofre o municipio, e sobre todo o despoboamento, que ano tras ano vén sufrindo Sober, a falta de oportunidades para os mozos e a calidade de vida dos nosos maiores. Por iso, propoñemos unha alternativa de futuro para reverter esta situación á que nos ten levado o actual Goberno”. Díxoo no mitin celebrado este venres no municipio, no que estivo arroupado polo Secretario Xeral do PSOE local, Santiago Pérez Rodríguez, e pola Deputada do PSOE no Congreso, Sonsoles López Izquierdo.

Fernández Pérez subliñou que “somos un grupo de homes e mulleres que combina mocidade, veteranía, experiencia e, sobre todo, unhas ganas inmensas de traballar polo crecemento e o desenvolvemento de Sober e, conxuntamente, polo benestar dos veciños e veciñas dos diferentes lugares e das parroquias do noso Concello”.

O candidato socialista apuntou que “se chegamos ao goberno a primeira medida que imos a tomar dende o PSOE é presentar uns orzamentos participativos, mantendo reunións nas 22 parroquias e con todos os colectivos do Concello, para darlle voz á cidadanía, máis transparencia ao Consistorio, e deste xeito cubrir, de verdade, as necesidades dos soberinos”.

Os socialistas presentan un programa con numerosas medidas para poñer en marcha na vindeira lexislatura, entre as que se atopan: a creación dun espazo para que os homes e mulleres de Sober poidan expoñer o seu traballo e aproveitar o impacto do turismo da Ribeira Sacra, a posta en marcha de cooperativas para o aproveitamento da riqueza agrogandeira do municipio e a creación dun auténtico e verdadeiro banco de terras, o mantemento e acondicionamento das estradas e camiños municipais, así como dos antigos camiños de servizo agrícola e gandeiro, ou a posta en marcha de liñas de transporte que dean servizo a todas as parroquias, entre elas e co centro de Sober e Monforte.

Que che pareceu o artigo ?