“Que o Conselleiro de Sanidade plante á Ministra é unha actitude irresponsable e un desprezo máis aos lucenses”
– Santos Ramos censurou a decisión de Almuiña por non acudir á reunión do Consello Interterritorial do Sistema nacional de saúde. “É Irresponsable por renunciar a expor a situación do sistema sanitario galego. Inadmisible por poñer como escusa ao Goberno actual do PSOE e indigna por aproveitar o contexto dunhas eleccións para tratar de confundir á cidadanía evadíndose da súa responsabilidade”
– “Mentres os lucenses seguimos con 23 médicos menos de atención primaria dende que goberna o Partido Popular, sen 2 consultorios, sen pediatras, con veciños facendo centos de quilómetros para consultas, cirurxías ou tratamentos e con menos persoal nas ambulancias medicalizadas que no resto de Galicia”
Lugo, 9 de maio de 2019.- O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, censurou este xoves que “o Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia non acuda á reunión do Consello Interterritorial do Sistema nacional de saúde é unha actitude irresponsable, inadmisible e indigna. Irresponsable por renunciar a expor nos órganos competentes a situación do sistema sanitario galego. Inadmisible por poñer como escusa ao Goberno actual do PSOE cando foron os Gobernos do PP os que nos levaron ao colapso actual do sistema e están sendo os socialistas, precisamente, os que están traballando na procura de solucións. E indigna por aproveitar o contexto dunhas eleccións para tratar de confundir á cidadanía evadíndose da súa responsabilidade na situación caótica actual e inhibíndose da obriga de procurar alternativas que melloren o sistema sanitario que o PP precarizou”.
“Non é un plante á Ministra, é un desprezo máis aos galegos do PP. Mentres os lucenses seguimos con 23 médicos menos de atención primaria dende que goberna o Partido Popular, sen 2 consultorios, sen pediatras suficientes para atender aos nosos nenos, con veciños facendo centos de quilómetros para consultas, cirurxías ou tratamentos, ou agora, con menos persoal nas ambulancias medicalizadas que no resto de Galicia”.
“Dende o PSOE Provincial levamos anos alertando do risco de chegar á situación actual. O PP, no goberno do Estado e Galego, entre finais do 2011 e mediados do 2018, non abordou ningunha das eivas que agora o Conselleiro pretende achacar ao Goberno Socialista e empregar como escusa para utilizar politicamente a situación da que é máximo responsable xunto ao Presidente da Xunta. O señor Almuiña o único que pretende é evadir as súas responsabilidades e tratar de confundir aos cidadáns ante unha cita electoral na que ao PP se lle presenta un escenario político complicado, precisamente por desprezar á cidadanía, coma neste caso a todos os galegos o Conselleiro de Sanidade negándose a participar nos foros onde poñer en común solucións aos problemas provocados polo Partido Popular”.
O Goberno do PSOE busca solucións
Santos Ramos subliñou que “buscar unhas ratios eficientes para o conxunto do Estado, tratar de impulsar unha oferta pública de emprego organizada ou avanzar nos programas de atención domiciliaria, non se poden entender como negativos ou lesivos para os profesionais nin para os usuarios, se non como unha oportunidade de que cada autonomía e o Estado coordinen mellor os seus recursos para beneficiar aos profesionais e aos usuarios. E iso é o que está facendo o PSOE dende o Goberno do Estado”.