“Temos que facer que As Nogais avance cara un Concello con máis oportunidades para todos. Que avance cara ao futuro”
– O PSOE das Nogais presenta un proxecto ambicioso “para acabar co desgoberno, co caciquismo, co partidismo e co electoralismo do PP. Para que os nosos veciños teñan os mesmos dereitos sen importar onde vivas”, subliñou Alfredo Guiu
– “Todo o que temos é grazas aos compañeiros do PSOE no Goberno da Deputación que achegaron máis de 1,7 millóns para garantir os servizos básicos das Nogais, pois a Xunta non fixo nada. O PP leva discriminando aos veciños da Montaña unha década. Os nogalenses deben valorar e lembrar o que fixo cada partido e votar en consecuencia”
As Nogais, 20 de maio de 2019.- O PSOE das Nogais presenta un proxecto ambicioso “para acabar co desgoberno, co caciquismo, co partidismo e co electoralismo do PP. Para que os nosos veciños teñan as mesmas oportunidades sen importar onde vivas”. Así o subliñou o candidato dos socialistas á alcaldía, Alfredo Guiu, no mitin celebrado este luns no que participaron o Secretario Xeral Provincial do PSOE, Álvaro Santos, o Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández, e o Deputado do PSOE no Parlamento Galego, Luis Álvarez.
“Afortunadamente, na provincia temos á Deputación de Lugo sempre axudándonos. Todo o que temos é grazas aos compañeiros do PSOE no Executivo Provincial que achegaron máis de 1,7 millóns de euros para garantir os servizos básicos das Nogais. Fixeron posible que hoxe teñamos estradas provinciais e municipais rehabilitadas, accesos acondicionados, máis alumeados públicos, mobiliario no centro de día, novos depósitos de auga ou unha cuberta na antiga casa escola. Isto converte á Deputación na única administración que inviste no Concello, pois a Xunta non fai nada. O PP leva discriminando aos veciños das Nogais e do resto dos municipios da Montaña unha década. En cambio, o PSOE é o único partido que demostrou que de verdade está comprometido cos veciños da Montaña e en solucionar os seus problemas. Por iso, os nogalenses deben valorar e lembrar o que fixo cada partido e votar en consecuencia”.
“Un modelo que represente a todos os veciños das Nogais”
Alfredo Guiu destacou que “o próximo 26 de maio xogámonos 2 modelos: un, antigo e individualista, da man de Núñez Díaz e o PP; e outro, capaz de representar a todos os veciños das Nogais, reivindicando máis melloras, a través do PSOE. Temos que facer que As Nogais avance cara un Concello con máis oportunidades para todos. Que avance cara adiante, cara ao futuro. E iso só pasará se goberna o Partido Socialista no Concello, na Deputación e no Estado. Temos unha oportunidade histórica para o crecemento das Nogais que debemos aproveitar”.
Atención aos maiores, axudas a gandeiros e máis emprego
“Entre as nosas prioridades están a creación dunha residencia da terceira idade e abrir o centro de día para que os maiores reciban a atención profesional que merecen. Rebaixar o IBI ao 0,4%, que suporá un aforro dun 20% no recibo da contribución e ofrecer bonificacións ás explotacións gandeiras. E por en funcionamento unha bolsa de emprego municipal, enfocada nas persoas novas, co obxectivo de fixar poboación no rural”, apuntou o candidato.