Touriño apoia ao candidato do PSOE, Rafael García, porque “será o mellor Alcalde para os veciños de Monterroso”
Monterroso, 22 de maio de 2019.- O candidato do PSOE á alcaldía de Monterroso, Rafael García, e o ex Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, mantiveron este mércores un encontro con veciños do Concello. O que fora máximo mandatario dos socialistas galegos amosou o seu apoio á candidatura e destacou a figura de García “que será o Alcalde de todos os veciños de Monterroso”.
Rafael García puxo en valor os investimentos que o PSOE no Goberno Autonómico achegou ao Concello de Monterroso para mellorar prestacións básicas do municipio. “Foron só 4 anos, pero foron os mellores para os veciños de Monterroso. Nunca tantas actuacións levou a cabo a Xunta de Galicia no noso Concello como cando Touriño foi Presidente”. Neste eido, o candidato socialista detallou varios proxectos executados polo PSOE como a construción do centro de saúde, o centro de Educación Infantil e Primaria, o saneamento de 19 parroquias ou a dotación dunha sala multimedia.
“Foi co PSOE no Goberno Galego cando Monterroso viviu unha etapa de progreso, avance e futuro. Estámoslle moi agradecidos a Touriño polo seu intenso compromiso e por facer de Monterroso un Concello de primeira. Agora, coa Xunta do PP levamos máis dunha década discriminados e marxinados. Iso é o que se decide este 26 de maio. Comezar unha nova senda de prosperidade, da man do Partido Socialista, ou volver á escuridade e a parálise da man do PP”.