Aos veciños de varias parroquias de Bóveda chégalles auga ás casas porque o Alcalde non arranxa roturas nas tubaxes
Bóveda, 4 de xuño de 2019.- A voceira municipal do PSO de Bóveda, Carmen Macía, denunciou este martes que “chegáronnos moitas queixas de veciños de varias parroquias do Concello como Freituxe, Ver, Guntín… porque levan días cunha rotura na tubaxe de auga que está provocando fugas constantes, chegando incluso a varias zonas das súas casas como as bodegas. As persoas afectadas avisaron ao Alcalde deste problema pero non fixo absolutamente nada para solucionalo”.
“Despois das Eleccións Municipais parece que o rexedor do PP non ten ningún interese en atender as demandas dos veciños. Dende o Partido Socialista esixímoslle que realice as actuacións necesarias para reverter esta situación e que as persoas afectadas poidan vivir nunhas condicións dignas”.
Carmen Macía subliñou que “isto ven provocado pola falta de mantemento por parte do Concello e súmase aos problemas que tivemos hai un mes coa falta de auga en Rubián e Bóveda. O Alcalde tense que preocupar de verdade polo que pasa no seu Concello, que o ten totalmente abandonado, sobre todo o rural, cunhas prestacións moi precarias”.