Notas de prensa

O PP de Monterroso négase a que o Concello rexeite a suba

de impostos de SOGAMA, IBI e SAF Básico da Xunta e do Estado

 

O Alcalde deste municipio denuncia que o Partido Popular non só votase en contra da iniciativa presentada polo grupo socialista na que se solicitaba o rexeitamento rotundo do incremento destas taxas, senón que “a propia voceira deste Partido se dedicase a ensalzar este aumento que fixeron os Sres Rajoy e Feijóo ó unísono”

 

Antonio Gato anuncia que o Concello non vai aplicar o canon de SOGAMA “porque é un verdadeiro escándalo e vai destinado ó interés das empresas eléctricas”

 

Lamenta que o PP non apoiase a proposta do equipo de goberno, pois o aumento de taxas do Servizo de Axuda no Fogar “vai en contra dos intereses dos veciños” e o incremento do IBI xa supera, nalgúns casos, o 50%

 

Critica que o grupo municipal, unha vez máis, desperdiciase unha oportunidade extraordinaria para amosar o seu apoio ós cidadáns deste municipio, xa que se trata de custos “que os monterrosinos non poden soportar”

 

O Alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, denuncia a actidude do Partido Popular manifestada onte no Pleno celebrado pola corporación municipal, ó votar en contra da proposta levada a cabo polos socialistas para opoñerse á suba de impostos do Goberno Central e da Xunta de Galicia. Neste senso, Antonio Gato subliña que “non só están a favor deste incremento, senón que a propia voceira do PP dedicouse na súa intervención a ensalzar este incremento imposto polos Sres. Rajoy e Feijóo ó unísono. Os veciños teñen que saber que o Partido Popular deste Concello quere que a Xunta e o Goberno lles cobren aínda máis polo Servizo de Axuda no Fogar, polo IBI e pola recollida de lixo”.

 

“Non aplicaremos o canon de SOGAMA”

Deste xeito, o socialista critica decididamente que os integrantes do grupo municipal popular refrendasen o seu apoio ó canon de SOGAMA, imposto recentemente pola Xunta de Galicia. “Sinceramente, non o podemos entender. É un verdadeiro escándalo. O señor Lamas, o presidente desta entidade, o único que defende é o interés da empresa eléctrica. Con esta suba, vai recadar preto de 7 millóns de euros, cartos que imos a pagar cada un de nós e cuxo destino vai ser unha firma empresarial”.

 

Deste xeito, Antonio Gato anuncia que “nós non o imos aplicar porque é un custe que non poden soportar os veciños. Co que cobremos do IBI intentaremos tapar o buraco de SOGAMA. Rajoy segue mentindo nos asuntos dos impostos”.

 

O PP di si ó aumento do SAF e do IBI

O socialista subliña que “é inadmisible” que o PP esté a favor de subir tamén as taxas do SAF Básico. “Este servizo sube polo decreto da Xunta de Feijóo; unha iniciativa que vai en contra dos intereses dos veciños. O Presidente levantouse un bo día e dixo que non pagaba máis por este servizo e, agora, resulta que os seus compañeiros non só o aplauden senón que volven a votar a favor de que se suban estas taxas. Esta é a mostra de desfachatez máis absoluta que se pode ter en política”.

 

Polo que respecta ó Imposto de Bens Inmobles, Antonio Gato denuncia que o Partido Popular sexa co-partícipe de que este canon subise, nalgúns casos, máis do 50%. “En 2012 Rajoy cansouse de dicir que non ía incrementar os impostos e, só uns días máis tarde, deunos a noticia que estoupou na cara de todos os cidadáns. É máis, en 2013, o Presidente do Goberno subiu un 10% o tipo de gravamen que regula este imposto”, concluíu.