Darío Campos Conde

Darío Campos Conde

Membro Nato

 

Darío Campos Conde naceu o 11 de outubro de 1965 en Vilaoudriz, na Pontenova. Está casado e ten 3 fillos.

É Licenciado en Veterinaria. Estudou no Campus de Lugo, formando parte da primeira promoción de Veterinaria da Universidade lucense, que data do ano 1984. Traballou a tempo completo como autónomo, facendo clínica veterinaria e prestando servizo a gandeiros da provincia, ata implicarse na esfera política.

Fíxoo no 2006 cando, tras máis dunha década na que o PSdeG-PSOE non tivo representación na Pontenova, decidiu afiliarse a esta formación e formar un equipo socialista neste Concello “coa única intención de axudar á xente”.

Nas eleccións municipais do 2007, encabezou a lista do PSdeG-PSOE na Pontenova. A súa estrea na política foi un éxito, posto que Campos Conde converteuse en Alcalde da Pontenova logo de que o seu renovado equipo socialista ganase, por maioría absoluta, os primeiros comicios aos que concorrían.

Dende entón, Campos Conde revalidou a ampla confianza dos seus veciños eleccións tras eleccións, posto que ganou as citas municipais coas urnas de 2011 e 2015. Neste último ano ata mellorou os seus resultados logo de acadar o 60% dos votos. Fixo da Pontenova un bastión do PSOE con tres maiorías absolutas e consecutivas, que o converteron nun recoñecido Alcalde na Mariña.